venres, 27 de setembro de 2013

A Siria no punto de mira.


    Subimos o podcast en tempo récord!


    Nun acto na Universidade sobre a cadea perpetua alá polo 2009, un famoso deputado do Partido Popular, repetiunos unhas cantas veces, para xustificar a súa incómoda postura, a famosa frase de Theodor Adorno “facer poesía despois de Auschwitz é unha barbarie”. É o mesmo razoamento do que botou man a socialista Elena Valenciano nas súas declaracións, sen dúbida precipitadas, para animar ao Goberno español a unirse ao ataque a Siria, tras as acusacións verquidas sobre o uso de armas químicas no conflito -se ben nunca se aclarou por parte de quen.

    Pero Siria é unha auténtica encrucillada: Alén de quen apoian incondicionalmente a estratexia militar dos EEUU, hai esquerdas que ven no Réxime de Al-Assad un réxime republicano e laico capaz de facer de barreira aos fundamentalistas rebeldes e de desafiar, dende a esquerda, o poderío da OTAN. Outra esquerda entende que se trata dun conflito de imperialismos, por certo, ben resumido na frase do profesor libanés George Corm, en Siria, tras cada kalashnikov, hai una potencia estranxeira” e que en todo caso, neste conflito entre imperialismos, o que cabe facer é transcender a falsa dicotomía entre laicismo e republicanismo por unha banda e integrismo relixioso por outra, soñando nunha democracia plural.

    O único que semella estar claro é que a indiferenza é unha postura inaceptábel. Mais quizais a frase de Adorno tampouco pode servir de escusa para outra guerra. Porque, aínda que o deputado o pasase por alto, cando os barrios máis humildes de Roma ardían era Nerón, o máis poderoso dos romanos, quen tocaba a lira e cantaba poesía.

venres, 20 de setembro de 2013

Encontro interxeracional de militantes

Queriamos xuntar nun mesmo espazo militantes de todas as idades. Foi curioso comprobar que o non había acordo en case nada. Quizáis aí reside o éxito dun proxecto político, en mante-la luz da dúbida, da que falaba Saul Alinsky.
Sen dúbida, un programa imprescindíbel.
Eis o podcast
E aquí a ligazón á web do grupo co que rematamos o programa -logo dun speech do Branda sobre o tema chileno que, por problemas (psico)técnicos alleos a quen producimos o programa, non entrou no podcast :(-.

Esperamos que gostedes!!

venres, 6 de setembro de 2013

Volta ao cole na UDC: unha análise dos retos que se lle plantean ao movemento estudantil.


Hai apenas uns días atrás a ex-ministra de defensa, Carme Chacón, anunciaba a súa marcha aos Estados Unidos, consolidándose así a súa derrota na pugna polo poder na executiva federal do PSOE. De entre todas as propostas da catalana, había unha que se antollaba interesante: a renovación xeracional. En efecto, quen colla un xornal calquera dos que se venden na Galiza, poderá comprobar que, agás algunhas contadas excepcións, a meirande parte dos representantes políticos foron nados moito antes de 1978. E resulta tamén sorprendente que para acadar relevancia mediática, as mozas e mozos teñan que someterse ao discurso político da xeración dominante, como aconteceu coa famosa Beatriz Telegón. Quizais este inmobilismo explicaría a estratexia de acuso e derribo contra de quen si tentan facer efectivo ese cambio xeracional, como fixo por exemplo Ximena González ao reivindicar a liberdade para un coñecido político que permanece encarcerado no Estado Español por supostos feitos que en ningún tempo de esplendor democrático terían sido cualificados como delitivos.
Sexa como for, hoxe estamos aquí, na liña da fronte, que diría Fermín Muguruza, con actores políticos que por necesidade biolóxica son de primeira magnitude. Son os representantes de estudantes. Herdeiros e herdeiras daqueles que en Maio do 68 plantaron cara a un capitalismo que sometía con cada vez máis ferocidade aos sen voz, herdeiros e herdeiras daquelas que foron torturadas no Estadio Nacional de Chile por defenderen a democracia e herdeiras e herdeiros de heroes como Enrique Ruano, Yolanda González e Arturo Ruiz.
Porén soen ser grandes esquecidos. Demasiado novos para seren escoitados, demasiado abafados para ter ganas de berrar máis alto. Nós cremos que nelas e neles agóchase o xérmolo de calquera mudanza esperanzadora, por iso hoxe queremos ser o seu altofalante. Comeza Cuac está a pasar.


Eis aquí o link ao podcast!