Nunha noite de primaveira ou quizáis de outono, ao redor de 200 persoas se xuntan no salón de actos do colexio do bairro. O que as reúne sen dúbida levanta paixóns, a xulgar pola vehemencia dos seus xestos e as ganas coas que erguen as mans para pedi-la palabra. E son as persoas de máis idade, aquelas que medraron coa pesada carga de ter perdido unha guerra, as que máis se animaban a opinar, a sentirse escoitadas e a formar parte dese grupo de xente que se xuntaba para facer fronte común contra dunha inxustiza: o peche dun espazo común do que todas elas tiveran desfrutado nalgún momento da súa vida. Ao opinaren, facíase notorio, porén, que a súa educación política era doutro tempo, segundo se diría a xulgar polas súas vacilacións, pola súa timidez. Pode tamén que ese apoucamento fose debido a un dos maiores males da nosa sociedade: a soidade que lles causa non sabermos os mozos de hoxe partillar historias cos nosos e coas nosas maiores, o non termos con eles a relación que eles tiveron cos seus maiores.
A escea foi real. Aconteceu nunha asociación de veciños desta cidade, hai case xa 500 días. E é que poucas vivencias poden ensinarnos mellor o sentido da democracia que esa escea. Hoxe falamos dunha desas parcelas do cotiá que non encaixan na esfera do privado, sen por elo poder ser clasificadas de pertencentes ao ámbito público. Son algo que trascende esa distinción. Hoxe falamos dunhas agrupacións combativas, solidarias e afectuosas. Hoxe falamos de asociacionismo veciñal.
Eis o Podcast do programa!

Ningún comentario:
Publicar un comentario