venres, 6 de setembro de 2013

Volta ao cole na UDC: unha análise dos retos que se lle plantean ao movemento estudantil.


Hai apenas uns días atrás a ex-ministra de defensa, Carme Chacón, anunciaba a súa marcha aos Estados Unidos, consolidándose así a súa derrota na pugna polo poder na executiva federal do PSOE. De entre todas as propostas da catalana, había unha que se antollaba interesante: a renovación xeracional. En efecto, quen colla un xornal calquera dos que se venden na Galiza, poderá comprobar que, agás algunhas contadas excepcións, a meirande parte dos representantes políticos foron nados moito antes de 1978. E resulta tamén sorprendente que para acadar relevancia mediática, as mozas e mozos teñan que someterse ao discurso político da xeración dominante, como aconteceu coa famosa Beatriz Telegón. Quizais este inmobilismo explicaría a estratexia de acuso e derribo contra de quen si tentan facer efectivo ese cambio xeracional, como fixo por exemplo Ximena González ao reivindicar a liberdade para un coñecido político que permanece encarcerado no Estado Español por supostos feitos que en ningún tempo de esplendor democrático terían sido cualificados como delitivos.
Sexa como for, hoxe estamos aquí, na liña da fronte, que diría Fermín Muguruza, con actores políticos que por necesidade biolóxica son de primeira magnitude. Son os representantes de estudantes. Herdeiros e herdeiras daqueles que en Maio do 68 plantaron cara a un capitalismo que sometía con cada vez máis ferocidade aos sen voz, herdeiros e herdeiras daquelas que foron torturadas no Estadio Nacional de Chile por defenderen a democracia e herdeiras e herdeiros de heroes como Enrique Ruano, Yolanda González e Arturo Ruiz.
Porén soen ser grandes esquecidos. Demasiado novos para seren escoitados, demasiado abafados para ter ganas de berrar máis alto. Nós cremos que nelas e neles agóchase o xérmolo de calquera mudanza esperanzadora, por iso hoxe queremos ser o seu altofalante. Comeza Cuac está a pasar.


Eis aquí o link ao podcast!

4 comentarios:

  1. Herdeirxs tamén de Emilio Suárez Valdés, estudante da Universidade Laboral de Acea da Ama (Culleredo) que morreu electrocutado cando tentaba colocar unha faixa no tellado do seu centro en apoio ás labregxs das Encrobas que loitaban contra o roubo das súas terras por Fenosa, un 18 de febreiro de 1977: http://www.comitesabertos.org/lembrando-a-emilio-suarez-valdes/
    Herdeirxs todxs, cadaquén desde a súa tradición e militanza, dun movemento estudantil propio e autoorganizado que foi no seu tempo admiración e modelo a seguir: con organizacións tan vigorosas como ERGA, na que centos de mozxs tomaron consciencia da súa realidade próxima, ou logo os xermolos do que haberían de ser, andando o tempo, os primeiros CAF. Con loitas como a dos barracóns do Burgo das Nacións en Compostela, as taxas, a LRU, con proxectos como Mancomún...
    En fin, unha experiencia acumulada da que aínda temos tanto por aprender e (re)aproveitar.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Sen dúbida, meu! Grazas por lembrar a historia de Emilio Suárez. Eu engadirei outra: Pedro Galán Calvete, estudante galeguista asasinado aos 21 anos polos fascistas tralo golpe de 1936 na Coruña.

      Eliminar